Saltar ao contido

Viaduto do Ulla (eixe atlántico de alta velocidade)

Viaduto do Ulla (eixe atlántico de alta velocidade)
O viaduto do Ulla a contraluz
Localización
Coordenadas42°40′04″N 8°43′58″O / 42.667823005407, -8.7328074219823
Características

O viaduto do Ulla é unha infraestrutura que une as provincias da Coruña e Pontevedra e que constitúe a actuación de maior importancia do eixe atlántico de alta velocidade ferroviaria, que destaca pola súa complexidade técnica e pola súa singularidade. Cos seus 240 m de lonxitude máxima entre piares, constitúe un récord mundial de luz (anchura entre piares) neste tipo de pontes (tipoloxía taboleiro mixto formigón-aceiro).[1][2]

Características

[editar | editar a fonte]
Paso dun tren polo viaduto.

Trátase dunha ponte sobre o río Ulla que se eleva 60 m sobre a auga. A súa lonxitude sponsable é 1.620 m, a máis longa de Europa de celosía metálica. No 2011, o viaduto foi considerado a mellor obra de enxeñería civil en Galicia.[3]

Asenta nas augas do Ulla cun deseño de tres piares de formigón, cun espazo entre as dúas columnas centrais de 240 m, o que supón un récord mundial neste tipo de infraestruturas.

Neste sentido, a ministra de Fomento, Ana Pastor, na súa visita ás obras en Catoira sinalou que o viaduto era unha das máis importantes infraestruturas que se están construíndo, e a máis importantes do AVE de Galicia, porque ser unha obra singular, que ten moita dificultade desde o punto de vista técnico.

Por outra parte, o ministerio de Fomento, nunha nota oficial, di que o Goberno garante que o valor ambiental da contorna na que se constrúe, a ría de Arousa, estase a coidar ao máximo para que o viaduto «sexa un elemento máis na beleza da paisaxe».[1]

A característica celosía verde do viaduto, vista entre dous piares da Ponte de Catoira, que une Catoira con Rianxo cruzando o xacemento das Torres do Oeste.

Construción

[editar | editar a fonte]

Tras o compromiso do presidente José Luis Rodríguez Zapatero de licitar en 2009 todos os tramos pendentes do AVE, o ministerio de Fomento anunciou o 8 de agosto de 2008 a adxudicación das obras do viaduto do Ulla para a liña de alta velocidade do eixo atlántico.

As obras tiñan un prazo de execución de 38 meses e un orzamento de 105 millóns de euros. A encargada de levalas a cabo foi a Unión Temporal de Empresas formada por Dragados, Tecsa e Empresa Construtora S. A.[3]

As obras remataron en 2014, cando se colocaron as últimas pezas de cor verde tras máis de seis anos de traballos, o dobre do que estaba planeado.[4]

Distinción

[editar | editar a fonte]

A singularidade desta obra e a complexidade e orixinalidade da súa construción, fixo que o Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia lle outorgara en 2015 o Premio San Telmo, co que este colectivo distingue a obra civil máis representativa en Galicia realizada durante o ano anterior ao da súa convocatoria.

A entrega de dito premio celebrouse o 28 de marzo de 2016 na sede da Afundación de Pontevedra nun acto presidido pola ministra de Fomento en funcións, Ana Pastor, e foi recollido por Javier Gallego, director xeral de Explotación e Construción de Adif, entidade promotora do viaduto. O acto incluíu, ademais o descubrimento dunha placa conmemorativa na Aula Medioambiental do viaduto.[5][6]

Os méritos da obra sobre o río Ulla para tan destacado galardón son, entre outros, os seus 1 620 m de lonxitude que a destacan como a de maior envergadura de todo o Eixe Atlántico de Alta Velocidade, así como un dos grandes logros mundiais da enxeñaría. Ademais, trátase dun proxecto que puxo especial coidado na integración da estrutura cun contorno natural de extraordinaria beleza. Neste sentido incluso se reduciu o número de piares no leito do río e buscáronse procesos construtivos coa máxima independencia posíbel da ría e as súas ribeiras.[5]

Ademais de Ana Pastor tamén asistiron, entre outros, o delegado do Goberno en Galicia Santiago Villanueva; Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas; Ricardo Babío, decano do Colexio de Enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos de Galicia, e Alberto García e Adolfo Francisco Muíños, alcaldes de Catoira e Rianxo, respectivamente.[5]

En palabras da ministra, esta é «a principal e máis espectacular estrutura do eixe atlántico», engadindo que «demostramos que [esta] é unha das liñas de alta velocidade máis utilizadas de toda España», cifrando en «2,4 millóns de viaxeiros os rexistrados desde a súa posta en servizo hai un ano».[6]

  1. 1,0 1,1 El Viaducto del Ulla batirá el récord mundial de luz de su tipo Diario Atlántico, 2 de novembro de 2013.
  2. Pastor supervisa a proba de carga do viaduto do Ulla que será inaugurado este ano Diario La Opinión A Coruña, 14 de febreiro de 2015.
  3. 3,0 3,1 Fomento licita as obras do viaduto do Ulla para o AVE Atlántico Arquivado 05 de marzo de 2016 en Wayback Machine. en Galiciaé.
  4. Garcia, Alba (9 de xaneiro de 2015). "O viaduto do AVE sobre o Ulla quedará rematado este ano". Canal 7 Rias Baixas. Arquivado dende o orixinal o 01 de maio de 2015. Consultado o 30 de abril de 2015. 
  5. 5,0 5,1 5,2 Ana Pastor entregará el Premio San Telmo de ingeniería al Viaducto del Ulla Faro de Vigo, 24-3-2016.
  6. 6,0 6,1 Pastor no ve riesgos en el plazo del 2018 para el AVE y celebra el éxito de viajeros del eje atlántico. Diario La Voz de Galicia, 29-03-2016.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas

[editar | editar a fonte]